
O Concello de A Fonsagrada atópase ubicado no extremo centro-oriental da provincia de Lugo, formando un conxunto montañoso que constitúe unha fronteira natural con Asturias.
É un concello de relevo moi accidentado, polo que abundan as paisaxes de fortes pendentes e acusados contrastes altitudinais entre as zonas de val e as cotas máis elevadas, que chegan a alcanzar os 1201 m. Aparece regado por dous ríos: o Rodil e o Navia.
Dadas as características da montaña, é natural que dende calquera dos seus cumes sexa posíbel gozar das vistas máis pintorescas e de inigualábeis panorámicas. Configúrase así como un dos concellos máis fermosos de Galiza, onde os deportes e as actividades ao aire libre atopan aquí un marco idóneo.
Clima
A situación interior e a elevada altitude media, dan lugar a un clima de montaña cunha temperatura media anual de 8º C, como consecuencia dun inverno frío e un verán moderado. As precipitacións, eventualmente, son en forma de neve.
Situación
Linda ao Norte co Concello da Pontenova e o asturiano de Taramundi; polo Leste cos tamén asturianos de Santa Eulalia, San Martín e Vilanova de Oscos, Grandas de Salime e San Antolín de Ibias, ademais do lucense de Negueira de Muñiz; polo Sur con Navia de Suarna e polo Oeste cos de Baleira e A Ribeira de Piquín.
Distancias aos principais núcleos de poboación cercanos:
Á Ribeira de Piquín (Chao do Pousadoiro): 24 Km.
A Grandas de Salime: 28 Km.
A Santa Eulalia de Oscos: 25 Km.
A San Antolín de Ibias: 45 Km.
A Meira: 36 Km.
A Navia de Suarna: 29 Km.
A Taramundi: 60 Km. por Santalla e A Garganta, e 63 pola Pontenova.
Á Pontenova: 55 Km.
Extensión
Hai que destacar o feito de que A Fonsagrada, cunha superficie de 438 Km2, é un dos concellos de maior extensión de España, o segundo, e o primeiro de Galicia.











